ENGANOUME A LÚA
ENGANOUME A LÚA
Enganoume a Lúa
facéndome crer
no asolagamento
dese mar de luz azul
que era raeira de Sol
e na cegueira
motivada nos meus ollos
na noite da ignorancia,
no máis escuro descoñecemento
brilou como nunca
a indómita beleza da plenitude.
Enganoume a Lúa
facéndome crer
que era leal compañeira
cando só a soidade
me abrazaba
e a silente insignificancia
da pequenez da miña existencia
insistía teimuda
que esa aloucada reflexión
de perdida nanopartícula
nun inabarcábel macrocosmos
ben podería ser a plenitude.
A conciencia total
de pertenza a un conxunto superior
a un Universo de creación.
Enganoume a Lúa
facéndome crer
que o soño non había rematar
máis...
Chegou o Sol
acendeuse a luz
e rematou a función.
A estúpida razón
acaparando aplausos
tratando sempre de dar
explicacións
o brilo dunha raiola perdida
reflectida no ego do home.
Nese intre xurdeu a insatisfacción
a desconformidade coa propia esencia.
Podería ser que só
a heroicidade da incerteza
da morte nos devolva a plenitude.
Mentres, só podemos
agradecer ás caprichosas
leis da causalidade
a realidade da nosa
humilde existencia
nun efémero resplandor
único e irrepetíbel.
Enganoume a Lúa.
Comentarios
Publicar un comentario