XESTAS





         Con moito agarimo llo adico a Silvia Womami. Se aprendera esperanto, nesa lingua o escribiría para que chegara a todo o mundo e extendera o espírito cosmopolita de Silvia, unha CANTANTE con maiúsculas que o mesmo interpreta a "Milonga de aquí" de Sés que adopta "La Llorona" mexicana como se fora nosa. Pola liberdade, pola música, a creatividade, as letras e a maxia. Hoxe e sempre...



XESTAS



Faise na túa rouca voz aloumiño

o eco da fala da NAI TERRA,

ca fondura dunha raíz alimentando

o espírito.


Pode o meniño no acubillo

do colo adormecer os medos.

Pode a herdanza materna

transmitir en máxico escorzo,

como hábil contorsionista,

o poder de esquivar o destino,

dono absoluto

do tempo cruel e inexorable.


Sempre haberá unha aldea remota

que nos acolla.

O ouvear ferido dunha loba nai

chamando polos seus fillos.

Unha cova, un refuxio.

Unha fogueira, pedras

e elementos primarios.

O Sol. A Lúa.

A nosa pertenza a un Universo

de Natureza Infinita.

Sempre XESTAS,

como a alma e o corazón

dun mundo de hipersensibilidade

do que moitos fuxen...

Máis outros, ousados, rebeldes ou sinalados

seguirán á procura do camiño

que conduce a Xestas,

unha Ítaca da vida.


Desfruta cada paso 

e atopa a paz e a serenidade

que o entorno ofrece.






                         

Comentarios

Publicacións populares deste blog

No Monte San Lois

Outro outono

PRIMAVERA