Nestas datas, aproximándonos ó Día de Defuntos, e casualmente descuberto nunha necrolóxica, gustaríame compartir un poema de Celso Emilio Ferreiro.


NAI


    Eu non choro por ti, pois sei que mouras

xunto á fonte do tempo, alá no fondo

de tódolos camiños das estrelas.


    Choro por min, cun pranto inconsolábel,

que me quedei sin ti, meu limpo espello,

coma un arbre na noite, soio e núo,

fendido polo cerne, coas raíces

sin os doces segredos das violedas.


    Choro por min, por estas maus de cinza

que outrora foron pombas,

cando o meu corazón era un paxaro

e ti pasabas sempre atafegada

nun rumor de formiga labourando.


    Tecían as labercas seus abrentes

i eu era un vagalume, unha estreliña

ateigada de luz polas vereas.

Dios estaba con nós.


    Agora estou soliño,

orfo de beixos tépedos sin mácula.

Choro por min que xa non teño colo

para pousarme nil coma nun niño,

miña nai imposíbel, viva e morta

no cristal dos meus ollos.


Poema de Celso Emilio Ferreiro da obra "O soño sulagado".


    Esta entrada non vai ir acompañada de fotografía algunha porque TODOS temos unha NAI sempre viva na memoria e gravada con lume no máis fondo da alma, estea ou non físicamente presente. Cada un de nós que peche os ollos e a súa imaxe aparecerá diante nosa...

 

Comentarios

Publicacións populares deste blog

No Monte San Lois

Outro outono

PRIMAVERA