FÁLANME UNS OLLOS
Bó día, despois duns días en silencio, voltamos para compartir un cuadro dunha ARTISTA local, Dolores Tomé Carou, cunha pintura intimista que me impresionou cando a descubrín unha noite de setembro na que tiven a sorte de ser convidada a ver a obra desta amiga e veciña que, malia que o ten silenciado, o seu talento acabará por ver a luz. As seguintes verbas resumen as sensacións que me provocou...
Fálanme uns ollos
Fálanme uns ollos
ansiosos por descubrir
a inmensidade do mar
as cores alaranxadas do ocaso.
Fálanme uns ollos presos
máis vivos e expresivos...
Uns ollos con azos por coñecer,
reconquistar un mundo
cheo de beleza.
Reixas frías e duras,
escuras como o ferro
corroído polo óxido.
Non é suficiente este encerro,
nin tan sólida a cadea...
impedimentos, obstáculos
incapaces de extinguir
o soño da LIBERDADE.
Non é preciso berrar
para ser escoitado
nin tan sequera separar os beizos
para comunicar un sentimento.
Basta a luz de dous farois
para provocar a rendición
da noite máis escura.
Abonda o noso lume interior
para aportar calor e claridade
no máis húmido e solitario cárcere.
Libérase o espírito
e fuxe
polo máis minúsculo furado.
Ninguén domina
a miña enerxía.
Son dona absoluta
da suprema forza interior
que conecta o meu ser
coa vida no Universo.
As circunstancias externas
alleas
secundarias personaxes
nun guión incomprensible.
¿Cal é a antítese
que pode explicar
a miña sensación de liberdade
aínda pechada
entre catro paredes
de cemento gris?
Roubarei as cores do solpor
misturadas con auga de mar
e mañá, cando o carcereiro chegue
non poderá crer
a milagre do arco da vella
proxectado no muro,
linde do meu corpo físico
e xénese do meu soño
voando coma incansábel gaivota
nun ceo infinito.
Fálanme uns ollos.
M. do Moullón para Dolores Tomé Carou con moito agarimo e moi agradecida de que me permitira compartir con tod@s un anaquiño do seu arte.
Comentarios
Publicar un comentario