Adicado á doutora Begoña P. de Pontevedra, bautizada como "filla adoptiva de Caveiro" por facer visitas frecuentes ó noso pobo durante máis de trinta anos, con moito agarimo...
De novo Monte Louro
¿Pode Monte Louro ser un faro?
Neste lado da Ría de Muros Noia
ese pétreo referente no noso horizonte
significa seguridade, comodidade
e calidade do lar,
do fogar que habitamos.
É marabilloso que unha filla adoptiva de Caveiro
(xa son máis de trinta anos frecuentándonos), Begoña,
sinta acubillo á sombra de Monte Louro
e sexa quen de desfrutar da magnificencia
dos solpores que nos regala,
deses xogos de luces que fan
que o sintamos máis preto.
Monte Louro, linde dos nosos soños,
rexo penedo compañeiro sempre.
Ollándote sinto a certeza de atoparme
na casa, na terra.
Os salseiros dun mar amigo
aproximándonos.
A sinuosidade dunha Ría Galega
coma meandro xoguetón
facendo dunha cala recóndita
o secreto refuxio
dun neno xogando coas cunchas,
dun mozo roubando bicos con sabor a sal,
dunha parella compartindo a vida coa súa prole
ou dun velliño con bastón
incapaz xa de baixar á praia
pero ó que sempre lle quedará Monte Louro
como fiel compañeiro de viaxe
gardando na maleta segredos
convertidos en vívidos brillos
nos ollos cansos do avó.
Comentarios
Publicar un comentario