ARCO DA VELLA
Aparece o Arco da Vella na cultura popular galega con connotacións tan chamativas que a miña ignorancia manifestouse nestas verbas que seguen: na Biblia, como representación da paz que Deus mandou ós homes ou como a existencia dun tesouro alí onde o arco tocaba a terra, entre outras.
Desas definicións que eu descoñecía e da fotografía...
Detédevos no voso tristeiro camiñar,
sede conscientes non só das bágoas
deslizándose paseniño polos vosos negros paraugas
protexendo a vosa roupa de loito cuberta.
Liberade o espírito
e ollade o horizonte
o policromático efecto
do Arco da Vella
diante dos vosos ollos,
moi preto, nas rochas de Caveiro.
Na veciña praia xa loce o sol
e reflectido nalgunha illada
minúscula pingueira regálanos
as máis fermosas cores.
Sempre haberá beleza
aínda que chova
e zoe con forza o vento.
Un tesouro no fondo do mar
no punto exacto
onde o Arco da Vella
sinala certeiro.
Unha mensaxe de paz celestial
interpretacións dos nosos antergos...
Luz, cor, fotografía, poesía,
ilusión sensorial.
¿Mensaxe do máis alá, quizais?
Comentarios
Publicar un comentario