BUGUINA
Aprendendo leccións da Nai Natureza...
Escarvando na area
atopei un mundo enteiro
na perfecta espiral dunha cuncha.
A miña ousada ignorancia
en humilde xenuflexión
recurriu ó diccionario
para aprender o seu nome:
BUGUINA.
E pareceume tan fermosa
tan sonora e vibrante
a inédita verba
que pensei en escribirlle.
Amablemente
me amousou os segredos
ocultos nos seus labirintos
os sons do seu interior
o vento, o mar, a vida.
Foi lúdico devezo dos meus nenos,
un minúsculo tesouro
nas miñas mans
lembrando o coñecemento infinito
ése que se perde na vertixe
das súas espirais
e nós tan ignorantes
co peito repleto de ego e vaidade.
Faloume tan profundo...
Sentín medo, case arrepío.
Pensei en enterrala na area
ou esnaquizala en mil anacos.
Máis a voz do meu interior
reflexiva, fixo medrar o espírito
na férrea convicción
dun propósito existencial.
Porque ela, minúscula cuncha,
tiña o seu:
albergar un cangrexo ermitán
ser morada e acubillo
dun ser indefenso
nas profundidades do océano...
E foi tan grande a lección
concentrada na súa insignificancia
que me sentín diminuta,
pechada e perdida
no labirinto da BUGUINA...
E a sorprendida voz do meu interior
falou
e dixo que esta aprendizaxe
ben merecía ser plasmada
nunha fotografía
con anotacións ó pé da imaxe
facendo da BUGUINA
a protagonista auténtica.
¡Algún día eu, reducida a cinza,
serei feliz anacoreta
aprendendo no silencio
a escoitar as ensinanzas
no interior dunha BUGUINA!
Precioso coma sempre
ResponderEliminar😍🌊🐚👏🏻✨