SOLPORES NO MIRADOR DA ATALAIA DE PORTO DO SON
Reitero hoxe e sempre o agradecemento a Teresa Chouza pola cesión desinteresada das súas magníficas fotografías e, por suposto, a esa modelo de natural gracia que sae na imaxe e que consinte na publicación da mesma.
Hoxe peta o vento na fiestra e recórdanos que estamos no inverno, máis a borrasca non ha durar sempre. Volverá o sol e regalaramos novos solpores...
Síntoo moito, Principiño
hoxe preciso reclamar
o meu anaquiño de colo,
a nena do meu adentro
necesita como nunca
o abrazo agarimoso
dese sol que esmorece
cedendo ó cansanzo
dun día esgotador.
Máis é un sol de esperanza
o que se deita confiado
sabendo que mañán
un novo día
un brilo novo o agarda.
Fieis nubes, compañeiras,
gardádeme os alaranxados tons do ocaso
heinos perpetuar nun cadro.
Así a borrasca non poderá perturbar
a lembranza consolidada nun lenzo.
Cómplices pinceis
testemuñas indiscretas
da nosa contemplación
na perfecta harmonía
dun solpor único...
Ese intre fuxitivo
de efémera beleza
de atención plena
e de desfrute máximo.
Un reloxo paralizado
a existencia en fusión coa natureza
aquí e agora
sempre, na eternidade mesma
nese breve momento furtado
ás présas da rutina.
Só iso xustifica unha vida enteira...
Impaciente soñarei
coa quietude dun novo ocaso.
Bos días,
ResponderEliminarsempre estou encantada de decorar os teus fermosos poemas.
Sinto o nosa amiga lendoo igual que a pesar do día de inverno que estamos a ter, sentimos ese sol, ese sol que brilla no solpor, esa natureza inmensa.
Unha forte aperta María José ❤️🫂