RELOXO DE AREA


 

        Fera axada de vento

violenta golpea a fiestra

facendo caer un vello libro

e convertendo en mil faragullas

o reloxo de area

reliquia da miña infancia

que, con preguiceiro solaz,

descansaba na mesiña

onde me facía lembrar

a cotío a importancia

e gran valor do tempo

que marcha para non voltar...


        Xogos matemáticos

e adiviña adiviñanza

na nosa nenez...

¿Cantos grans de area

teñen cabida no pequeno reloxo?

¿A cantos minutos equivale

a súa metódica caída?


        Decátome da xanela aberta

e no intre de pechala

diviso un chamativo papaventos

desfrutando no ár cincento

e, con el, as minúsculas partículas

de area cheas de envexa

e desexosas de compartir a súa sorte

e de recuperar o voo ceibe

do seu pasado fuxen...

E sinto que a tarefa

de reconstruir o reloxo 

resultará imposible.

Voa con elas a miña imaxinación...


Ser quen de arrexuntar

os verdes grans de area

en camuflaxe coa vexetación

dunha fraga en Galicia

ou lonxe, moi lonxe,

nun deserto africano

distinguir esa area

na inmensidade.

A esencia permanece

a morte ben puidera ser

a fusión no baleiro do deserto

de millóns de minúsculas partículas

descompoñendo o noso ser

máis nunca, xamáis,

a nosa esencia.

Viaxeira, voando como gran de area

Ceibe, sempre ceibe

Agora e na eternidade

Gardada no reloxo

pechada na ilusión do tempo

ou fundida na paisaxe.


Comentarios

Publicacións populares deste blog

No Monte San Lois

Outro outono

PRIMAVERA